Tuesday 14 de May de 2024

Un banco escultórico que rende homenaxe ás mulleres do mar preside o renovado miradoiro do lugar do Outeiro, en Lema


A partir de agora non só visitarás o lugar do Outeiro, na parroquia de Lema, para gozar das incomparables vistas do espazo natural de Baldaio e das illas Sisargas, senón tamén para recrearte co banco escultórico que vimos de estrear.

 

Grazas á colaboración da veciñanza, nas últimas semanas acometemos o acondicionamento do miradoiro do Outeiro, que agora conta cun chan empedrado, unha varanda de protección de madeira, unha pequena zona na que pode estacionar un vehículo e un banco de madeira que é en si mesmo unha escultura.

 

A peza, elaborada polo artesán Fabián Lage con parte do tronco do ciprés centenario da Praza do Concello que sucumbiu a un temporal no Nadal do 2015, inclúe unha figura feminina de gran tamaño, homenaxe ás mulleres do litoral, representadas na zona de Baldaio polas mariscadoras. É unha muller cos ollos case pechados, símbolo do mar como nai que nos arrola coas súas ondas, desfrutando da paisaxe a través do olfacto e do ouvido. E como terceiro elemento escultórico, ademais da figura feminina e do propio banco, atoparás un paraugas, que reforza ese simbolismo do instinto protector das nais.

 

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Servizos, Medio Ambiente e Praias, Miguel Vales, xa se sentaron no novo banco escultórico, que aporta un valor engadido ao patrimonio natural da nosa costa e que xa se está a converter nun elemento máis de atracción turística. Achégate a velo!